Tuesday 16 de April de 2024

O PSOE do Pino solicitará no pleno, do mércores 30 de marzo, a construción do Centro de Día


Esixirán ao Alcalde que explique cales foron os motivos para renunciar “a última hora” aos 161.665€ concedidos polo AGADER para a construción do Centro

O Grupo Municipal Socialista do Pino leva ao pleno do mércores, 30 de marzo, unha iniciativa para que o Concello solicite as axudas, destinadas a construcións de centros de día e residencias, previstas no Acordo Marco que vén de asinar a FEGAMP e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Axudas con cargo ao fondos europeos e destinadas para os concellos de menos de 20.000 habitantes, dando prioridade aos de menor poboación e a todos aqueles que carecen deste tipo de instalacións como é o caso do concello coruñés do Pino.

Solicitan explicacións
Nesta mesma moción os Socialistas esixirán ao popular, Manuel Taboada, que explique que motivos, ou causas, xustifican que o Concello renunciara á axuda, por un importe de 161.665€, concedida polo AGADER para a construción e posta en marcha do Centro de día de O Pino.

Critican que esta renuncia “de última hora” provocou que ningunha outra entidade pública ou privada puidese beneficiarse dos fondos do Programa Leader xestionados polo GDR Ulla Tambre Mandeo, “e atrasa a posta en marcha da instalación prevista para outubro do ano 2022”, afirman desde o PSOE.

Cualifican os feitos como graves e máis que reprochables “este é o respecto que mostra o actual Presidente do GDR, e Alcalde de O Pino, polo resto de axentes que forman GDR”, critica Óscar Vilar, voceiro do PSOE do Pino.